Crónica da miña carreira no I Trail Concello de Arteixo

Artigo publicado por Rubén Seco o 15 de Outubro de 2012 as 23:40

En principio as miñas expectativas para esta carreira eran máis modestas do que realmente foi o resultado final.

Logo de participar no Terremoto Trail de Triacastela, do cal as pernas quedaron ben malladas,acudía a esta proba co único obxectivo de rematar nun posto digno para o estado de forma no que me atopaba, xa que durante toda a semana tiven diversas molestias nas pernas que non me deixaron apenas adestrar máis alá de un par de días.

As 10 horas logo da conta atrás comezaba a proba, e alá vou eu nun principio cun ritmo conservador para ver cal era a resposta do meu corpo. Para a miña sorpresa non tiña síntomas de ningún tipo de molestia e rápido collo un ritmo de carreira bastante vivo que me permite ir no grupo dos cinco primeiros clasificados. Aparece a primeira subida dura da carreira, onde consigo non perder contacto coa cabeza de carreira nun grupo compacto formado polo menos por sete corredores. Ao chegar ao alto comeza unha baixada curta pero bastante técnica, eu ahí é onde realmente me atopo máis cómodo e consigo colocarme en terceira posición, pero ao chegar ao final da baixada véxome superado por un Javier Tourís que ía moi forte. Correndo no cuarto posto da carreira vou moi cómodo e manteño esta posición ata que aparece a segunda subida dunha dureza superior a primeira, onde me vexo superado por Iván un corredor do Ártabro da Coruña que leva boas pernas e fai un ascenso cun ritmo que eu non son quen de seguir. De aquí en adiante comeza unha loita entre Iván e máis eu, que para min foi moi bonita.Él ía moi forte nas subidas pero eu lle recuperaba terreo nas baixadas, así foi unha gran parte da carreira, ata que definitivamente nun dos últimos ascensos antes de chegar ao último punto de control lle dou caza. Chegamos xuntos ao derradeiro avituallamento, pero él non para e colle vantaxe, eu bebo e como algo rapidamente e saio na súa caza. Uns 800 metros logo do avituallamento voltamos a estar xuntos e imos correndo un ao lado do outro durante aproximadamente 2 quilómetros, ata que definitivamente él non pode aguantar o meu ritmo e se queda. De aí en adiante vou totalmente en solitario na cuarta posición, levo vantaxe suficiente con respecto aos meus perseguidores para finalizar no cuarto posto,que para min xa era unha victoria, e xa non teño esperanza de alcanzar a Javier Tourís porque é un gran corredor e me levaba unha boa distancia. Como era de esperar entro cuarto en meta, pero para a miña sorpresa non estaba Tourís, a sinalización xogoulle unha mala pasada e trabucouse a poucos quilómetros antes de chegar a meta, e foi esta situación a que me deu o inesperado terceiro posto.

Sendo honesto sei que o meu posto natural na carreira sería a cuarta posición, porque si Tourís non se chega a desviar sería él o merecedor da terceira posición, pero estas cousas lle poden pasar a calquera neste tipo de probas. 

 

Rubén Seco
Rubén Seco