Alpes Suizos ascensión ao Bishhorn de 4163

Cronica dunha particular viaxe feita durante tres semánss no veran de 2008 por un grupo de Bestarruzas polos Alpes suizos. Na sua viaxe ascenderon ao Bishhorn de 4163 metros, tamén se achegaron á base do mítico Cervino. Esta é o resumo daquela viaxe.
Artigo publicado por admin o 02 de Outubro de 2008 as 11:03

Como non podía ser doutro xeito comezamos a longa travesía cara Suiza pola transcantábrica cunha breve parada festeira para coller a Korman en Arriondas, e claro , sendo o descenso internacional razón de máis para hidratarse ben antes da paliza de furgoneta que nos espera ... De camiño Ao día seguinte e ben cediño ,cumprindo co plan de travesía, tiramos cara Francia, non sen antes facer unha megacompra nun hiper de Irún. Na viaxe non vou a pararme máis que en que fomos atravesando Francia pola autoestrada transeuropea e que fixemos noite ao raso nunha área de descanso ás aforas de Clermont-Ferrand. Ao mediodía estabamos atravesando a fronteira suiza perto de Xenebra, pero xa saímos da autoestrada pois para facer uso dela había que mercar unha tarxeta de 80 francos coa que xa non paga máis peaxes en tódalas autoestradas de Suiza. Despois dunha paradiña para aprovisionarnos de pan fresquiño para o xantar buscamos un achegamento ao lago Lemand decididos a darnos un reparador chapuzón. Aquí por primeira vez tomamos consciencia dunha das características do xeito de vivir helvéticos: a precisa ordenación do seu territorio e o carácter privado e inaccesible ou caro de grande parte del. Despois de varias voltas por estradas e camiños sorteando vilas residenciais conseguimos o obxectivo. Foi un verdadeiro pracer despois de levar o cu pranchado e os lumbares castigados con perto de 2.000 km poder darnos un merecido baño suizo. ¡Da vez anterior cando subiramos ao Mont-Blanc bañarámonos no lado sur do lago e desta volta tócalle á beira norte! ¡GRAZAS POR SEGUNDA VEZ LAGO LEMAND! Do camiño cara Tasch bordeando polo norte o lago destacar a fastuosidade de Montreaux e arredores: casino impresionante, terrazas dignas de anuncio de Martini, exclusivos deportivos italianos ... En fin, moi bonito para admirar dende a furgona como se fose un anuncio en vivo pero sen achegarse a catalo e ter que asaltar os petos nesta zona tan ..... prohibitiva. Despois dun sinuoso treito final de estrada, especialmente dende Visp, onde xa picaba pendente cara arriba de xeito importante, chegamos a Tasch rematando a tarde e sufrimos a segunda iluminación que acaba de confirmarnos o ordenado e taxado que está todo en Suiza: ¡en todo Tasch non hai un só espazo gratuito onde deixar a furgona! Incluso os camiños e apeadeiros á beira da estrada teñen cadeas! Con elas deteñen tamén a nosa intención de pasar a noite ao raso facendo vivaqueo e deste xeito aforrarnos uns francos. Decidimos montar campamento no cámping que hai á beira do río moi perto da estación do tren. O cámping pequerrecho e funcional, cunhas infraestructuras mínimas, algo caro para o pouco que ofrece. Da vida do pobo, dicir que está condicionada á súa función de punto de escala e enlace con Zermatt pois é o remate da estrada e os coches teñen que quedar aquí e facerse o achegamento a Zermatt nun tren que reúne prezo e precisión suizos, ou sexa, falando en francos, francamente caro. Primerio dia de camiñata Saímos ás 8:15 de Tasch e a pesares dalgunha que outra nube ameazante disfrutamos dunha boa mañá. Comezamos a 1.450 m. e subimos ata Blauherd a 2.571 m. de altitude por camiños de bosque. Facemos as nosas primeiras catro horiñas de pateada con calma pois temos que tonificar a musculatura adormiñada por dous días de travesía europea na furgona. Dende Blauherd collemos cara Rothorn Paradise, onde chega un teleférico ata 3.103 m. Pasamos por debaixo del a uns 2.700 m. aprox. A partires de aquí xa remata a vexetación e ábrese diante nosa varias liñas de teleféricos e unha evidente explotación turística da montaña. Percíbese claramente que pouca xente fai as aproximacións dende Tasch a pé e recórrese moito ao teleférico. Ves familias enteiras de punta en branco coma quen dá un garbeo por calquer paseo marítimo da nosa costa. Dende aquí cruzamos cara o glaciar Findelgletscher por un cordal gris cincento, o que engadido ás augas tamén grises e turbias de desxeo que baixan del, dan como resultado unha espectacular paisaxe lunar. Decidimos para a xantar á súa beira, estamos a uns 2.800 m. O tempo da sinais de empeorar polo que decidimos tirar cara o noso final de etapa Zermatt. Baixamos por fortes pendentes de bosque pasando dos 2.800 m. aos 1.620 que ten Zermatt nunhas tres horas que se fan un pouco duras no final pola chuvia e a baixada brusca das temperaturas. Ponse a caer unha boa e refuxiámonos e recuperamos folgos no adro cuberto dunha pequena capela nas aforas, o cal tamén nos dá pé para botar unhas boas risas á conta da renuncia aos nosos principios ateos para cobixarnos baixo do abrigo da igrexa suiza. Cando escampa e adentrámonos en Zermatt: hoteis luxosos (clientes e bagaxes transportados en carruaxes de época!), tendas e escaparates por todos lados, xaponeses en grupo mercando carísimos reloxos suizos en tendas nas que tiñan un dependente xaponés para atendelos na súa lingua. Non hai coches pero é como un megacentro comercial alpino. Recuperamos os ánimos cunhas boas xarras de cervexa vendo resumos das olimpiadas nunha cervexaría do lugar. Collemos o tren e de volta ao cámping en Tasch. Saída nocturna a tomar algo e confirmar que non hai formas de vidas humanas a partires das 22:00. Ao día seguinte choveu e rodeounos unha néboa espesa polo que non puidemos facer nada. Paseamos por Zermatt e Tasch e confirmamos as sensacións do día anterior: hotelazos, tendas e máis tendas, e ambiente nocturno fúnebre ..... Ascenso ao refuxio de Hörnlihütte Estamos no terceiro día, despois da xornada de descanso obrigado polo clima, estamos moi descansados e con ganas de marcha. Collemos o tren e ás 8:30 estamos en Zermatt xa de camiño cara a base do Matterhorn. Comezamos a ruta pola parte norte do pobo en Hubel a 1.670 m. de altitude e ao pouco de iniciala polo medio de campeiros cun verdor e un colorido nas flores de postal, vemos unha primeira vista do Cervino que xa nos abruma coa súa grandiosidade. É impresionante ver o seu desnivel, especialmente dende os 3.260 m. aos que está o refuxio na súa base ata os 4.478 m que ten de altitude. Vaia mole! Facemos todo o achegamento a pé e vendo como se confirma a tendencia que observamos na camiñata do primeiro día; a práctica totalidade da xente colle o teleférico ata Scharzsee a 2.582 e aforran 1.000 m. de desnivel e tres horas de pateada. Facemos unha parada de descanso aquí e continuamos outra hora e media ata o refuxio. Xa na base do Cervino non nos queda outra que rendirlle homenaxe a súa maxestuosidade e repoñer forzas xantando. A volta decidimos facela por Zmutt (máis ao leste de por onde subimos). Unha baixada longa e na que se aprecia o tremendo impacto visual das liñas de teleféricos que inundan a zona. No descenso pasamos por Staffel (2.199 m.), ábrese á nosa esquerda un campeiro perforado polas marmotas pero as moi tímidas non dan sinal de vida e moito menos un posado para unhas fotos. Continuamos e hegamos a Zmutt a 1.936 m. Preciosa aldea coa arquitectura tradicional da zona e onde tentamos sen sorte tomar unha cervexiña (bueno, no grupo tamén hai xente que bebe refrescos) e aínda que os dous bares-restaurante están aparentemente abertos non hai ninguén que os atenda. ¿Un espellismos alpino?. O día seguinte voltamos a pasalo parados pola chuvia o que estimula as nosas ganas de probar sorte por outros lares. Tiramos cara Zinal e polo camiño perto de Sierres e paramos a arranxar unha roda que pinchamos antes de chegar a Tasch. Mentras a arranxaban fixemos unha compra para repoñer víveres. De Zinal dicir que está no cantón francófono de Valais, no Val d'Anniviers (Eifischtal), e que posúe unha espectacular paisaxe con varios 4.000, Weisshorn, Zinalrothorn, Obergabelhorn e Dent Blanche. Destacar tamén que o ambiente é moderadamente máis animado (segue sendo Suiza ...) e ..... tachán, tachán .... ¡sitio onde aparcar gratis a furgona e unha cervexería con moi boas pintas, e nunca mellor dito! Deixamos a furgo estratéxicamente situada (ou sexa, diante da cervexería) e encamiñámonos á oficina de turismo do pobo na que somos xentilmente atendidos pois chamaron ao refuxio de Tracuit para preguntar se tiñan sitio. Confírmannos que non quedaban prazas libres pero que temos permiso para vivaquear nos arredores do refuxio. Toca xantar .... Ascenso ao refuxio de Tracuit Saímos de Zinal despois de xantar e comezamos a aproximación por sendeiros de bosque cunha vexetación máis variada e maior frondosidade cá de Tasch-Zermatt. O inicio é moi brusco en canto a pendentes, partimos de altura de 1670 m. e imos cargados coas tendas e a comida para varios días o que unido aos cambios contínuos de clima (hoxe temos solazo) e os paróns, fai que as primeiras horas de camiñata sexan duras. Atrevesamos, sen deixar de ascender constantemente, campeiros con vacas e pasamos pola beira da fermosa fervenza de Roc de la Vache. Non nos entretemos moito pois a ascensión son 8 km e as 4 horas e media previstas vannos facer falla. Cando comezamos a ver moi ao fondo o refuxio xa desaparece o bosque e comezamos unha ascensión en rocha con neve por unha longa cresta á esquerda do refuxio coa néboa ameazándonos polo medio do val que deixamos á nosa dereita. O treito final ten desniveis importantes pero está asegurado cunha cadea o que axuda notablemente a equilibrarte co peso das mochilas. Chegamos ao refuxio que está a 3.256 m. despois de facer equilibrios por un paso estreito, pasadas pouco máis de 4 horas. Presentamos os nosos respetos no refuxio, mercamos auga e montamos as tendas nunha chairiña mínima (a única que hai) orientada cara o Bishorn e o Weishorn. Vista grandiosa! Pero comeza a empeorar o clima .... Pola noite non para de nevar e ao levantarnos confírmanse os peores presaxios, non poderemos facer nada con este tempo. As tendas están cubertas de neve. Pasamos o día con moito frío, a voltas entre o refuxio e as tendas nevadas contando batalliñas e anécdotas varias. Ascenso ao Bishorn Despois dunha nova noite de frío e neve semella que o día é propicio e animámonos a tentar facer a ascensión ao Bishorn. cumio de 4.136 m. e aparentemente e descrito nas guías como sinxelo pero cunha aproximación a traverso do glaciar Turtmann que aconsella tomar moitas precaucións. De feito a precaución diante das grietas que se abrían ao noso paso e a merecida bronca dun guía suizo co que nos atopamos por ir sen encordar ponnos en alerta e tomamos a decisión de seguir a pegada que van deixando serpenteando entre as grietas. A subida tecnicamente é sinxela e sen máis dificultades que un treito duns 300 m. exposto e perigoso en situacións de vento. Subimos lentamente, buscando apoios seguros pois o guía e o seu grupo quedaron no cordal anterior ao cumio. Facemos cumio ás 11:30 (saímos do refuxio ás 7:15). Destacar a vista do Weishorn e a vista sobre o val de Zinal, impresionante. Voltamos ao refuxio polo mesmo percorrido, desmontamos as tendas e iniciamos descenso cara Zinal. Chegamos as 17:00 horas e con moitas ganas de hidratarnos .... Confirmamos a boa impresión inicial da cervexería do pobo e abofé que nos hidratamos ... Estivemos ata as 2:00 (horario de peche) Interlaken-Eiger-Grindelwald Despois da emocionante despedida nocturna de Zinal desmontamos tendas e subimos de novo á furgo camiño de Interlaken. Chegamos rematando a tarde no medio dunha intensa choiva. Buscamos un cámping nas aforas e damos un paseo por Interlaken. Da vila destacar as vistas do macizo do Jungfrau, os seus dous lagos (Thun e Brienz) e o "Höheweg", un bulevar que é o paseo máis “elegante” de Interlaken con ,como non, bonitos xardíns e fastuosos hoteis, especialmente o Victoria-Jungfrau, que semella sacado dunha película de época. Xa de volta no cámping vemos moitos ala-deltas que se lanzan dende a colina que temos enfrente, a Beatenberg-Niederhorn, que parece ser un paraíso para os practicantes desta modalidade. Ao día seguinte decidimos facer un achegamento por sendeiros á base do Eiger polo que nos movemos na furgona ata Grindelwaqld, a uns 15 km de Interlaken e 1.034 m de alt.. Esta vila fai de anteporta do impoñente macizo formado polo Wetterhorn, Eiger, Mönch e Jungfrau. Deixamos a furgoneta nas aforas na parte baixa, nun párking exterior cercano á estación do tren á beira do río e que ten uns prezos moi asequibles. Xa pasadas as 9:30 iniciamos o ascenso cara Alpiglen a 1.615 m. pola beira do río Lütschine, no medio dunha vexetación moi abundante, con moitas sombras que se agradecen, pois desta vez si que xa semella que estamos en agosto. Despois de repoñer forzas ao pé da cara norte do Eiger admirando a súa impresionante parede, retomamos camiño de Grindelwald a onde chegamos ás 13:45 horas. Xa na hurgona en ruta cara Interlaken, desviámonos momentáneamente ata a fermosa fervenza glaciar de Trümmelbach e comemos nos seus arredores. Ao rematar de xantar decidimos calmar os ardores do día máis caluroso que collemos en Suiza pegándonos un baño no lago Brienz (breves segundos pois a auga está conxelada!) e tiramos de novo cara Interlaken. A nosa estancia en Suiza está tocando o seu fin. Un sorprendente desconto dun 50% na carísima tarifa (110 euros!) do tren-cremalleira á estación alpina de Jungfraubahnen por ter gañado a eurocopa a selección española anímanos a probalo. O percorrido é espectacular, e as vistas na estación á 3.454 m. (a máis alta de Europa) do Jungfrau e arredores tamén, pero a sensación de centro comercial é realmente abafante e incluso claustrofóbica, cos grupos de japoneses por todas partes cargados de bolsas con compras e nós facéndonos ócos como podíamos entre as aglomeracións de xente. Menos mal que pillamos un bo prezo … Berna e despedida Xa como remate da nosa viaxe por terras suizas, decidimos achegarnos ata Berna, onde quedamos cun vello amigo de Korman que nos acompañou a cear unha típica raclette de queixos e onde disfrutamos do seu encantador casco vello e, como non, fixemos a nosa contribución ao sector hosteleiro. Do que nos dou tempo a ver de Berna, pois chegamos a media mañá, destacar a Torre do reloxo e as rúas anexas con tódalas bandeiras dos cantóns suizos. Ata aquí o noso percorrido por Suiza. Voltamos cara Galiza de novo atravesando Francia pola transeuropea e despedimos a experiencia alpina destes bestarruzos cunha parada nas festas de Tapia de Casariego. Unha vez máis, convén aclarar que non foi porque nos gustase a troula, senón por necesidades imperiosas de hidratación. Ata a próxima, Suiza!!!

Datos técnicos

Dificultade: 

Dificil
  1. Dificil. So con moi boa forma física.
  2. Necesaria experiencia.
  3. Necesario amplios coñecementos de montaña.
  4. Pasos aillados de escalada.
Dificil

Data: 

01 de Agosto de 2008

Localización: 

Mapa: