Tocallaraju - Peru

Bolivia 2003

Cronica da viaxe feita durante 40 diás no veran de 2003 por un grupo de Bestarruzas por terras bolivianas. Na sua viaxe ascenderon ao volcán Parinacota de 6342, tamén visitaron o deserto de Atacama e o lago Titicaca, entre outras aventuras

Por Artur Sáncez Riveira, Vogal de Montaña da AMEB
Expedicionarios Bolvia
Grupo Expedcionario en Bolivia

Bolivia? Por que Bolivia?...Moitas veces tivemos que responder a esa pregunta nos meses anteriores á nosa viaxe alí. As axencias de viaxes, o servizo de vacinación, as nosas familias, os amigos e amigas...amosaban seber tanto dese país sudamericano como nós mesmos uns anos antes...case nada!

Nalgún intre, que resultou crucial, alguén nos falou das marabillas dun lugar e dunhas xentes que viven 4.000 metros por encima de nós e conservan, quizais por esas condicións singulares, mellor que ningún outro pais do continente americano, as súas tradicións, linguas, maneiras de vida, paisaxes...e montañas. A partires dese momento, e como ocorre sempre que a un o posúe a ilusión por algo ou alguén, Bolivia comezou a aparecer por todas partes: revistas, xornais, documentais, internet...Cada cousa nova que atopabamos gustabanos máis e quedou marcado como obxectivo nas nosas axendas.

Xoves, 17 de Xullo do 2003. Despois de meses de preparativos comezamos ás 7:30 no aeroporto de Alvedro a odisea de enlaces aéreos que nos levaría ó aeroporto de El Alto, en La Paz, logo de pasar por Madrid e Miami...imaxinade o contraste.

Korman, Marcos e Artur dende A Coruña, Xan enlaza en Miami e Javi “El Charro” xa en La Paz; este foi o quinteto galáctico protagonista das aventuras bolivianas que seguen. A maioría, membros do clube Bestarruza e primeirizos niso de pisar o mundo máis aló do Atlántico. Nin unha soa reserva, nin guía, nin máis información da estritamente necesaria. Eso sí, 40 días para buscarse a vida da mellor maneira posible, e unha predisposición para afrontar experiencias novas a proba de bomba.

Navegando polo Titicaca
Navegando polo Titicaca

Os primeiros días en La Paz foron de aclimatación. O aeroporto está a 4.600 m de altitude, polo que podedes supoñer o alucine dos nosos corpos humanos nesa situación. É unha chegada un pouco heavy, pero pareceunos a mellor para o que queriamos facer. Unha aspirina, varias horas de sono (menos das desexadas) , estirar as pernas arriba e abaixo pola Paz boliviana e os primeiros mates de coca axudaron no proceso de andinamento. Tiñamos pensado desfrutar da primeira metade da viaxe no hemisferio norte do altiplano, rematando se fose posible cunha ascensión por riba dos 6.000 m.

Despois de tres días aclimatándonos e informándonos no caos marabilloso de La Paz, partimos cara ó Titicaca, o 2º lago natural maior do mundo. Valéronnos tamén eses días para coñecer os misterios que se agochan tras as portas das Peñas, locais de baile e música tradicional, que nos permitiron entrar de cheo no sentir( e no beber) do país.

Logo dunha longa viaxe de saltimbanquis en autobús e varios enlaces en barco (alternativa ó viaduto tan de moda en Galiza), chegamos á Isla del Sol, un paraíso en medio do lago Titicaca. Alí demos un “paseo polas nubes” que nos valeu para coñecer a illa e darnos conta do escasos de forma física que estabamos aínda. De boa gaña quedariamos unha vida alí, se non dúas, pero non tiñamos tanto tempo.

Logo partimos cara á cordilleira Apolobamba, un macizo pouco visitado por “gringos” coma nós, mal comunicado, apenas poboado...pero espectacular!!! Domínao a mole do Nevado Illampú, unha montaña impresionante, das maiores e máis fermosas de Bolivia. Sobra decir que as grandes montañas de Bolivia, chamadas Nevados, cada vez o están menos. Quizais os netos dos Quechuas e Aymaras preguntarán que significa eso de “nevado” e fará falla abrir o conxelador para explicalo...unha pena por culpa de todos (dos bolivianos menos). Para facer calquera viaxe neste país cómpre armarse de paciencia, moita paciencia, e, xa que logo, de tempo. As estradas non están asfaltadas, os motores son vellos, o turismo escaso e as comunicacións, alomenos naquel tempo, baixo a amenaza de corte polas revoltas indíxenas. Chegar a un lugar como os Apolobambas, onde non viaxa sequera o transporte público, é realmente complicado. Polo camiño tivemos tempo para xogar un partido internacional de futbol sá, en Escoma, que perdemos no desconto pero gañamos en resistecia aeróbica(na nosa propia, por suposto). Utilizando unha miga de imaxinación, variados transportes de persoas, e outros de mercadorias, chegamos por fin a Ulla Ulla, situada no altiplano a 4.600 m e ó pé da cordilleira.

Polo altiplano boliviano
Polo altiplano boliviano

Alí, en Ulla Ulla, despois de xantar a acostumada sopa, seguida do arroz con carne (vaca, porco ou llama), demos un número de maxia inesquecible. Mentres preparabamos o material para comezar a travesía plos Apolobambas, o público Ullaullano(non sei se se dirá así) alucinaba con cada cousa que sacabamos das mochilas: Unha cazadora, o altímetro, a cociña de gas...todos semellaban pombas saidas dunha chisteira. Xa preparados, comezamos a andaina, primeiro polo sendeiro que leva a Pelechuco e logo campo a través polo altiplano, cada vez un pouco máis alti e menos plano. A sensación de soidade, silencio, aillamento...inmensidade que tivemos, é dificil de describir, así que non o vou tentar, pero a podedes imaxinar e multiplicar por dous.

Estivemos tres días por este deserto montañoso, adornados por sinxelas camiñatas, se se pode dicir iso cando andas a máis de 5.000 metros e apenas durmes polas noites. Queda a espiña de non ternos metido máis a fondo en terreo máis abrupto e escarpado, pero o plan feito para a viaxe desaconsellaba botar 8 ou 9 días nese lugar, que sería o mínimo necesario para coñecelo como se merece.

Voltar dos Apolobambas a La Paz constituiu a viaxe máis odiseica e surrealista que temos realizado e, quizais, que faremos nunca. Nove horas de viaxe dende as doce da noite, a varios graos baixo cero, e todo isto nun camión de mercadorias, polo que o noso asento o tiñamos que buscar respectando o lugar das patacas, os repolos, o millo e outros hóspedes que colleran aniño antes que nós. Fomos quen mesmo de durmir algo baixo aquel ceo completamente estrelado, máis amarelo que negro.

En La Paz pasamos un día de descanso na nosa casa adoptiva do Hotel Pachamama(para os indíxenas a NAI TERRA)e preparámonos para o día seguinte.

O 29 de xullo comezamos a coñecida como “Ruta del Choro”, que é un dos trekings que comeza no altiplano boliviano e diríxese cara á selva, utilizazando para elo antigos camiños precolombinos que percorren os vales e os yungas. Falando de números, baixariamos en tres dias de camiñata dende 4.460 m ata os mil e pouco de Coroico.

Polo altiplano boliviano
Pola ruta do Chorro

Un castigo para os nosos xeonllos pero unha bendición para o resto do corpo, moi especialmente os sentidos da vista e o oído. É un deses lugares onde sobran as descripcións e as fotografías non son quen de dar a talla. Tentarei dar unha mostra: Estabamos rematando de montar as tendas, nun campo verde que te quero...cando estiveramos pisando neve a case 5.000 m pola mañá. Por diante dun de nós pasou voando un insecto enorme ¡Unha vinchuca! Dixemos berrando a medio camiño entre o medo e a risa da broma repetida. De seguido pasaron outros, cada vez máis a medida que o sol se ía poñendo, tempraneiro como sempre. Cando a oscuridade foi emborronando ás árbores que trepaban polo val arriba ocorreu algo inesquecible e, quizais, irrepetible (para nós). Decenas primeiro, logo centeas e miles de luces minúsculas fóronse acendendo e apagando polo val arriba, como se nós fósemos as estrelas dun espectáculo deportivo e moreas de xaponeses estiveran coas súas cámaras disparando os flashes para levar un recordo da nosa presencia para a súa casa. Aínda agora non sabemos que estranos vagalumes, vellas facendo nas papas, hai naquel pais, nin que razón natural, que non estética, os leva a ofrecer semellante espectáculo. Por desgraza, ou quizáis sorte, non hai proba documental do que vos conto, nin de moitos dos lugares marabillosos e, sobre todo, sorprendentes, que atravesamos no camiño. Unha solución: animádevos a coñecer Bolivia.

A senda rematámola en Coroico, un bonito e tranquilo pobo colonial onde comeza a denominada “Estrada máis perigosa do mundo”. Non sei se esaxeran, pero segundo as estadísticas, un vehículo cae polos barrancos que delimitan esa estrada cada 20 días. Supoño que tivemos sorte. Ó subir pola noite, os cruces cos vehículos que circulaban en sentido contrario foron menos alarmantes, pero tampouco tranquilos pois non o é que o condutor do autobús que subía tivera que arrimarse varias veces ó lado contrario para calcular mellor o ancho da calzada nos cruces cos outros. A chegada a La Paz, con mareos incluidos, fame e sede, foi celebrada merecidamente cunha boa ración de cervexas, cervexas e non lembro que máis...

Xa ó día seguinte continuamos coa nosa preparación para a altura, que incluía unha estancia en Chacaltaya, a estación de esquí máis alta do mundo...se ben non se pode dicir que viramos moito esquí (apenas había neve) nin que Chacaltaya estea efectivamente no Mundo, polo menos non no que coñecemos. Alí o mundo funciona diferente: apenas de pode durmir, a comida non se coce pois a auga ferve a unha temperatura máis baixa do normal, e ademáis parece que todo o que ocorre tivera pouco que ver co que pasa 1.500 m máis abaixo, en La Paz, que dista por “carretera” só 20 km.

Navegando polo Titicaca
Campo Base do Parinacota

Dúas noites botamos alí, na tímida pero sinceira compaña de María e Lisset, aproveitando os días para subir nunha carreiriña ó pico Chacaltaya e facer unha aproximación ó fermoso Huayna Potosí. Quizais o maís sorprendente, coñecer a Boris: un rapaz capaz de manter o entusiasmo e o sentido romántico dos primeiros mineiros dentro dun corpo castigado pola dureza do traballo e un sangue viciado pola anoxia. Un sáudo para el se algún día chega a ler isto!!!...e a nosa admiración.

Pasamos uns días en La Paz recuperádonos e preparando a seguinte. Amañando pequenos negocios como lavar roupa, alugar material, contratar transporte...así foi que o 5 de agosto, despois de case tres semanas de viaxe, tivemos por fin un día completamente organizado, é dicir, autobús que sae á hora correcta, recollida en destino, lugar concertado para xantar e aproximación ó monte en todoterreno. Vamos, que estivo ben, para probar, por deixar descansar durante un día á paciencia.

Ás tres da tarde xa estabamos no campo base do Parinacota.

Escollimos finalmente ese monte para facer unha ascensión máis aló dos 6.000 metros pola súa situación, descoñecida ata o momento para nós, e pola súa accesibilidade. Chegamos a Bolivia cun material polivalente, pouco técnico, amén dos nosos limitados coñecementos en canto á altísima montaña. A nosa baza era a condición física, e a curiosidade por descubrir paraxes diferentes...e o Parque Natural de Sajama o é.

O día 6 de agosto do 2003, Día nacional de Bolivia, erguémonos ás 3:00 da mañá. Digo erguémonos non como sinónimo de espertamos, xa que non durmimos, senón porque nos puxemos en funcionamento a esa hora. Nunca subiramos antes un 6.000, nin o subimos despois, pero creo que é condición propia do montañismo en condicións límite o ser capaz de facer aflorar os sentimentos e valores máis fondos que cada un temos: a capacidade de superación, a amizade, o amor á natureza...e a sensación de poucacousa que somos todos e cada un de nós.

O frío, o vento e unha neve-xeo en forma de coitelos horizontais amosáronnos o valor das cousas, o que costa chegar ata os 6.340 m aínda que sexa nun volcán sinxelo técnicamente como o aillado Parinacota chileno-boliviano. Arriba, o abrazo de cinco amigos e os sentimentos superlativos.

A partir deste intensísimo momento, o mellor da viaxe posiblemente, pouco máis que contar acerca das nosas peripecias no altiplano boliviano (tendo en conta que esta é a páxina dun clube de montaña). Eso sí, para calquera que lle apeteza coñecer este país, os lugares que coñecimos nos dias e semanas posteriores foron realmente espectaculares, dunha riqueza paisaxística, xeolóxica e, por suposto, antropolóxica, de primeira división mundial: O deserto de Atacama, o Salar de Uyuni, o Cerro Rico e a cidade de Potosí, Cochabamba....e a sorprendente Toro Toro.

Cada vez máis comida, bebida, jolgorrio aderezado con algo de cultura (principalmente musical) e a recuperación de parte do peso corporal perdido nas alturas. Vamos, que nos mereciamos un premio e collémolo!.

Aquí remata unha historia que no seu momento desexamos non rematara nunca. Un bico a todos e todas...

Volver